CITIUS, ALTIUS, FORTIUS…DENDE EDUCACIÓN INFANTIL!
Os nenos e nenas da etapa de Infantil dedicamos os primeiros meses do ano a traballar o noso corpo e a nosa mente co proxecto dos Xogos Olímpicos. Ademais, aproximámonos á Antiga Grecia, coñecendo a súa cultura.
Todo comezou coa aparición nas nosas clases de Milón, un atleta saído dunha historia da Antiga Grecia, que quedara atrapado no mundo actual. Para axudarlle a sentirse como en casa, propúxonos organizar unhas olimpíadas nas que el puidese participar. Por suposto que aceptamos o reto!
Para logralo, debiamos investigar sobre as orixes dos Xogos Olímpicos, os seus símbolos, os deportes nos que poderiamos participar, os lugares onde se celebraron. En cada clase, distribuímonos os temas e, unha vez máis, grazas ás nosas familias e ás actividades que organizaron as profes, descubrimos unha chea de cousas!
Colaboraron connosco mozos e mozas de 6º de Educación Primaria, presentándonos os deportes que practican: judo, taekwondo, ximnasia rítmica, fútbol, hípica ou atletismo.
Neste proxecto, ademais tivemos a sorte de contar con grandes deportistas que viñeron explicarnos as súas disciplinas como José Cuba, loitador que participou en varias ocasións nos preolímpicos e foi campión de España ou Julia Pena, profe en primaria que foi baloncestista profesional e portadora da chama olímpica!
Outro gran apoio foi Maxi Rodríguez, atleta e adestrador de atletismo en Lugo que xunto a Miguel, profe de Educació Física e outros monitores deportivos, axudounos a cumprir o compromiso con Milón: organizar as Olimpíadas en Lugo.
E despois de adestrarnos nas sesións de psicomotricidade, chegou o gran día! Junglis, Navegantes, Artistas e Galácticos, acudimos ás pistas para acender alí a chama olímpica e ter unha xornada na que participamos en salto de lonxitude, lanzamento de pelota, carreiras de velocidade e substitucións. Fixémolo tan ben, que tivemos o noso premio: a subida ao podio e unha medalla.
E nosos peques? Non axudaron a Milón? Si, pero Paxariños e O tren dos soños, organizaron a súa Olimpíada no cole.
Todos descubrimos os valores olímpicos grazas a este proxecto e, por encima de todos eles un que brillou en todas as competicións: o compañeirismo.